Monday 29 de April de 2024

Xuntanza entre Martínez Sanjurjo e representantes da empresa do parque eólico Ardemil para informar da retirada do proxecto


A empresa adxudicataria adiántalle a posta en marcha de novas iniciativas de menos de 50MW. O alcalde de Ordes advirte da actitude de “rigoroso control para preservar os dereitos de veciños e veciñas”

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo con técnicos delegados da empresa Green Capital Power, responsable do proxecto do parque eólico Ardemil. Neste encontro informóuselle ao rexedor sobre o trámite de suspensión de todos os proxectos que a dita empresa tiña previstos na comarca ordense e nas súas inmediacións. Oficialmente a solicitude de renuncia será presentada mañá xoves, 19 de abril, ante o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. Deste xeito quedarán suspendidos os proxectos relativos aos parques Ardemil (Ordes), Lavandeira (Vilasantar-Curtis) e A Pobra (Mesía).

A nova postura da empresa non se traduce nunha renuncia plena á construción de parques eólicos senón á instalación doutros de menos de 50 MW. Estes englobaranse dentro da Lei 4/2014, de 8 de maio, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Disconformidade
Martínez Sanjurjo aproveitou a reunión para transmitir de primeira man a súa gran preocupación e desconformidade, “ao igual cá do conxunto da veciñanza” co proxecto presentado en primeira instancia. Un texto que supuxo a presentación de alegacións por parte do Concello de Ordes “que non vai permitir que a seguridade dos veciños e veciñas, a preservación do medio ambiente e da nosa paisaxe, a conservación do noso patrimonio local, e especialmente o do Camiño Inglés, quede en situación de risco por intereses económicos particulares”, manifestou o alcalde. Tras acoller satisfactoriamente a renuncia a este proxecto o alcalde aseguroulle ao representante de Green Capital Power que “tanto por parte da Alcaldía como das distintas concellerías estarase moi pendente e someterase a un rigoroso contros para que a nova proposta respecte escrupulosamente cada un dos dereitos da xente deste municipio”.

Ao respecto demandou información detallada sobre as chamadas Áreas de Desenvolvemento Eólico, e máis concretamente sobre o chamado Plan 20-20-20, co que se pretende que de cara a 2020 o 20% da enerxía xerada en Galicia proceda de fontes renovables.

A empresa deixou sobre a mesa que o próximo proxecto que será sometido a consulta é o denominado Parque Eólico Monte Inxerio. (Adxuntamos plano facilitado pola empresa na xuntanza de hoxe).